lunes, septiembre 04, 2006

Proposición non de lei por parte do BNG (Telemarketing)

A continuación os transcribo a "Proposición non de lei" que o BNG ha trasladado ó parlamento para que se controle a situacion do Telemarketing en Galicia. Por certo, gracias a Sonia pola sua colaboración desinteresada:

"Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa do deputado Fernando Blanco Parga, e ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte para o Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno.

Estímase que o sector de telemarketing ocupa en Galiza a unhas 8.000 persoas. No noso País operan, entre outras, as compañías: Stream, Teleperfomance, Atento, Eurocen, M&F, Sykes e STD multio.

O servizo de telemarketing é de atención aos clientes a través do teléfono, a súa área de negocio máis importante e fundamental no mantemento do emprego é a das operadoras de telefonía, aínda que tamén se traballa noutros sectores como son seguros, compañías de electricidade, gas e auga, produtos informáticos, etc.

O perfil dos teleoperadores/as é xente moza con estudios medios de difícil incorporación ao mercado laboral, mulleres de máis de 45 anos que compatibilizan este traballo co traballo familiar, titulados/as universitarios que preparan oposicións, etc.

É un sector sometido a unha gran precariedade, só o 30% dos traballadores/as teñen contrato indefinido e con salarios entre 800 e 1.000 €/mes para a xornada completa; mais o normal é atoparse con contratos laborais de menos de 39 horas, quendas rotatorias con gran variabilidade de horarios, con contratos de corta duración e sempre dependendo das campañas das operadoras de telefonía.

As compañías de telemarketing operan sobre as bases de datos dos clientes, nas que figuran o tráfico, a facturación, números de conta e localización de abonados, o emprego destas bases de datos está protexido pola Lei Orgánica de Protección de Datos.

A Lei 32/2003, de 3 de novembro, Lei Xeral de Telecomunicacións, introduce no marco xurídico do estado español un novo marco regulador, cunha importante liberalización na prestación de servizos así como na instalación e explotación das redes de comunicacións electrónicas, coa premisa de intervención mínima por parte do Estado, de feito o único requisito para iniciar a prestación do servizo é a súa notificación previa á Comisión “Nacional” das Telecomunicacións, desaparecendo as figuras de autorizacións e licencias previstas na anterior Lei Xeral de Telecomunicacións de 1998.

A pesares deste proceso de liberalización no que se actúa sobre infraestruturas públicas, a actual Lei 32/2003, sigue considerando o servizo como universal e público. E obriga as operadoras a garantir a protección de datos de carácter persoal dos clientes, de feito no art. 34 dise textualmente: “as operadoras deberán adoptar as medidas técnicas e de xestión adecuadas para preservar a seguridade na explotación da súa rede ou na prestación dos seus servizos, co fin de garantir os niveis de protección dos datos de carácter persoal que sexan esixidos pola normativa de desenvolvemento desta Lei nesta materia. No caso de que exista un risco particular de violación da seguridade da rede pública de comunicacións electrónicas, a operadora que explote dita rede e preste o servizo de comunicacións electrónicas informará aos abonados sobre dito risco e sobre as medidas adoptar”.

Mais o proceso de liberalización e privatización levou á externalización de servizos que prestaban directamente as operadoras, precarizando en primeira instancia o traballo e, agora, deslocalizando os servizos de telemarketing.

De feito, só na cidade da Coruña temos este verán 600 despedidos/as de compañías de telemarketing por mor de que as operadoras de telefonía decidiron realizar os seus servizos dende outros países, onde o mercado de traballo está menos regularizado e custes salariais moito máis baixos. Agora, só baixo este criterio de custes, trabállase dende Marrocos, Arxentina, Perú, Colombia, etc.

A deslocalización do traballo tamén significa o traslado das bases de datos dos clientes, sen que estes teñan ningún coñecemento, a terceiros países e, nalgún caso, como aconteceu no mes de abril deste ano na cidade de Córdoba (Arxentina), o call center Jazzplat (da empresa Jazztel) despediu a máis de 100 traballadores/as por fraude; a realidade é que os niveis de esixencia da empresa obrigaba aos traballadores/as a mentirlle aos clientes para poder manter o posto de traballo.

Asemade, no caso de Galiza a deslocalización e a destrución directa de emprego que se está a dar na Coruña, ten outro efecto perverso, pois impide na práctica a posibilidade de que os galegos e galegas sexamos atendidos no noso idioma nacional. Vemos pois, como detrás dun suposto proceso liberalizador tamén se agacha un ataque a un dos nosos dereitos fundamentais como pobo.

Por estes motivos, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición Non de Lei:

O Parlamento insta á Xunta de Galiza para que se dirixa ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio demandándolle

1ª) A apertura dun proceso de negociación coas empresas de telefonía que operan no Estado, para o mantemento dos call center actuais, nomeadamente no caso de Galiza.

2ª) A obrigatoriedade de comunicarlle aos clientes, por parte das empresas de telefonía, o traslado dos seus datos persoais a terceiros países.

3ª) A esixencia da lingua galega como idioma de referencia en todas as operacións destas empresas na Galiza.

Santiago de Compostela, 31 de Agosto de 2006



Asdo. Fernando Blanco Parga
Deputado do G.P. do BNG
Carlos Aymerich Cano
Portavoz do G.P. do BNG "

No hay comentarios: